C.E.I.P. SANTO ANDRE

Sobral 26 - Xeve 36150, Pontevedra

E-mail: ceip.santoandre.xeve@edu.xunta.es

Telf: 986 879696

Fax: 986 879696

 

 

 

 

 

http://www.edu.xunta.es/centros/ceipsantoandredexeve/category/2/7

 

Código do centro: 36019517 

 

 

 

 

A zona que abrangue o centro está ubicada ó nordeste do concello de Pontevedra. Limita polo norte con Fragas (Campolameiro) e Amil (Moraña); no leste con Tenorio (Cotobade), río Lérez no medio e Vilarchán na parte de Bora; o sur, Marcón e Mourente; o oeste, San Martín de Berducido e Lérez.

 

                      

 

 O río principal é o Lérez que nace na Serra do Candán e fai fronteira polo leste con Tenorio e polo sur con Mourente. Hoxe xa non lle quedan  muíños. Nel desemboca pola esquerda o Almofrei que baixa de Cotobade. Pola dereita o arroio de Couso ou río Fontáns. Todos eles son moi troiteiros tendo un coto en Bora.

 A principal serra é a do Acibal, situada ó norte, entre Xeve e Campolameiro, Moraña e Barro. Nesta serra abondaban os lobos que denantes baixaban ós lugares onde encontraban a súa despensa a base de ovellas, cabras, eguas, cans e tamén algunha vaca que eran animais abundantes na zona. Hoxe por desgracia poucos quedan duns e doutros; dos depredadores porque os donos dos gandos mostrencos da grea de Moraña acabaron con eles a base de tiros, trampas ou velenos; dos segundos porque cambiou o modo de vida dos lugareños e xa non quedan.

 Nesta serra destacan os montes de Laxinde, Crabadoiro, Outeiro dos Asubíos, Outeiro dos Cousos, Outeiro da Peniña...

Tamén teñen a súa importancia o Outeiro de Castro de Maunzo ó norte da casa feudal de Gondar por ser un castro onde aínda se encontran restos castrexos. O Outeiro da Forca no monte da Esculca chámase así porque nel estaba a forca pública da casa feudal que está na parroquia de Santa María de Xeve. O Outeiro da Moura, do que contan os vellos que unha raíña moura saía polas mañanciñas do río Lérez e íase peitear ó sol no monte.

 O solo da zona de Xeve é predominantemente moi areoso e pobre, agás nos baixos, nos correspondentes vales que forman os citados ríos, é de  composición silícica ou granítica.

Lembremos que nos baña o Lérez, que é o río da “Terra de Montes” (Forcarei, Cerdedo, Campolameiro, Cotobade e Xeve) e temos as mesmas características, de aí ven que sexa, mellor dito fose, terra de canteiros:

“Un de Xeve e dous de Bora votan ó mestre fora” e “Se hai un de Marcón non queda nin o patrón” ou “Canteiriño que picas na pedra miúda, pica en muller allea que outro picará na túa”.

Os cultivos agrícolas antes eran predominantemente millo, centeo, patacas e viño, con abundancia suficiente, pero para autoconsumo. Tamén se cultivaba a horta e arbores froiteiras, non faltando en ningunha casa os cítricos: limoeiros e laranxeiras. Hoxe estase abandonando o campo, como en tódalas zonas pegadas ás cidades, porque ó seren as mulleres as que facían os traballos, agora deixan estas labouras por outras, como o servicio doméstico e outros empregos na vila.

 O poboamento antes estaba concentrado en lugares chamados quinteiros, arredor dunha fonte, en zonas non aproveitables para os cultivos, en camiños principais, etc.. Hoxe, coas facilidades de abrir os pozos de auga, o cambio da base de subsistencia, e a facilidade para abrir novas pistas ou vieiros, o poboamento está máis disperso.

 A parroquia de Santo André de Xeve ten os barrios de: Couso, Sobral, Filgueira, Maunzo, Santa Cruz e Fragoso, a de Santa María de Xeve os de: Os Fontáns, A Igrexa, Frieiro, Gato Morto e Couso e a de Bora ten os de: O Teso, Vilares, A Corbal, O Salgueiral, O Pío, O Couto, Quinteiro e Portamuiño.

 

AS ESCOLAS DE XEVE

De 1695 en adiante

 

Cara ó norte, a 7Km da capitalidade do municipio de Pontevedra, nun outiño a carón da estrada PO-223 de Pontevedra a Campolameiro, aséntase e reloce con luz propia e refulxente o CEIP Santo André de Xeve.

 A fe, que campea con moita fachenda e sen ningunha carencia, tanto de aspecto físico, de espacios, interiores e exteriores, como de modernísimas dotacións e equipamentos académicos de toda índole. É moderno e amplo e cumpre á perfección coas normas que os romanos lles esixían ós seus edificios públicos: seguridade, beleza e utilidade.

 Os devanceiros deste CEIP son as unitarias espalladas nos diferentes lugares e barrios das tres citadas parroquias, que polo rigor das diferentes Leis de Educación, e por esixencias de modernidade, con folganza sustituiu. Hoxe, máis ou menos reformadas ou remozadas, seguen cumprindo un novo fin, o de seren as Sedes Sociais ou Centros Culturais das diferentes Asociacións de Veciños.

 Mención especial e agarimosa, por aquelo da historia aínda que namáis sexa, merece a antiga Escola da “Fundación Barcia y Zambrana”, situada no barrio de Sta. Cruz no lugar chamado “A Escola” precisamente; debaixo do adro da Capela de San Roque, está en estado ruinoso mais aínda perdura ó paso do tempo. Naceu alá polo ano 1.695 en tempos do rei Carlos II de Austria. O Ilmo. D. José Barcia y Zambrana, bispo de Cádiz creouna en atención a seu pai D. Antonio Juan Barcia Argibay e avós paternos que eran de Santo André de Xeve. Di así a acta notarial de fundación :

 

“Estando su Iltmo en su Palacio Episcopal ante mi Don Juan de Borja Poin escríbano del Rei nuestro señor... y Notario Mayor de la Audiencia y curia episcopal... y en presencia de los testigos instrumentales infraescritos dijo : que su Iltmo se halla noticiado de que en la villa de Geve junto a Pontevedra arzobispado de Santiago y reino de Galicia patria del dicho Sr. Antonio Juan de Barcia su padre y de los Señores Juan de Barcia y Dña. María Argibay sus abuelos paternos, se carece de Escuela pública para que las personas de ambos sexos aprendan a leer, escribir, contar y la Doctrina cristiana y deseando el Obispo mi Sr. ocurrir a tan precisa providencia y... consiguientemente a que los veciños de la dicha villa tenga el recurso y alivio que conviene para que desde la proporcionada edad de puericia se apliquen a aprender con toda buena educación los primeros rudimentos de leer, escribir, contar y la Doctrina Cristiana con que se impriman radiquen y fortalezcan en sus corazones los altísimos misterios de nuestra Santa fé católica alentándoles con este beneficio al empleo y aplicación de maiores estudios en letras divinas y humanas... y atendiendo así mismo su Iltma a la mucha estimación que hace de la patria de dichos señores su padre y abuelos paternos quiere fundar la dicha Escúela... etc.

 

Polo tanto, para abri-la Escola en Xeve, fixo unha dotación e fundación de “mil ducados de monedas de vellón”, que eran moitas moedas antigas, e cos seus réditos e intereses que produciran eses cartos pagarlle ó primeiro mestre e a tódolos que fosen despois. Deixou ben dito e asegurado que ninguén podía gastalos, para asegura-la súa continuidade e perpetuidade atraveso dos tempos vindeiros. Tamén lle mandou ó cura párroco daquela de Xeve, chamado Licenciado D. Francisco de Argúelles “mil reais de vellón” para que mercase a casa para darlles escola ós nenos e nenas e máis para viviren os mestres nela.

Así esta escola estivo funcionando dende 17OO ata o 1925 aproximadamente, en que o antigo concello de Xeve, anexionado ó de Pontevedra en 1942, construíu un novo local-escola para os nenos, pero o mestre da Fundación seguiu vivindo na casa ata o ano 1945. O centro onde nos atopamos foi inauguradono curso 1990-91

Xentilicio: Xeveir@ Habitantes: 3.090

PUBLICIDADE

Contacto

www.XEVE.eu

 

Fragoso 8
Santo  André de Xeve

36150 Pontevedra

 

Correo electrónico:

             xeve@xeve.eu

 

Contacto: 679 587 323

Fixo:         986 879 064

¡ESTAMOS NO VERÁN!

REFRANEIRO DE XEVE

 

O verán que máis dura, bo inverno asegura.
 

 

PUBLICIDADE

Xeve.eu  é a web dos veciños de Xeve.

Todos poden ser partícipes nela chamándonos, enviándonos un   e-mail ou ben da forma que crean máis axeitada.

¡¡AGARDÁMOLOS!!

XEVE.eu en redes sociales :

Esta páxina esta feita de un xeito aberto e directo, primando a lingua que cada quen desexe usar, CASTELAN e GALEGO van a par porque entendemos que non vamos a censurar nin condicionar os textos e que cada quen os exprese libremente. E mais aquí non existe un Galego normativo, solo o que falamos a cotio todos os veciños de Xeve.